26 de novembro de 2015

Campus de Verán de Lugo: a experiencia de Jaime

O campus de verán científico técnico, 2015.


por Jaime Blanco Vilariño.


Era unha día de verán e, sobre as catro e media, saímos cara a Lugo.

Recordo que ao chegarmos, recibiunos o que sería o noso xefe, un tal Choury (vaia nome...), un home que seguramente nin sequera cale baixo a auga. Mentres o resto da xente ía chegando, eu xa fun coñecendo os meus compañeiros. De todos eles, tan só dous sabían onde estaba Lalín.

Raspberry pi 2, o modelo que empreguei para as prácticas de programación
Logo de nos dar a charla inicial, de nos explicar as normas da residencia (moi boa por certo), xogamos unhas partidas ás cartas e fomos durmir.

No segundo día, coñecemos as instalacións da universidade. Para iso, fixemos unha especie de carreira por todo o campus, que non é pequeno.

Máis tarde, comezamos cos nosos proxectos, xunto a outras actividades, algunhas mellores ca outras; e, ao caer as sete da tarde, volvemos para á residencia a cear, dar un paseo pola muralla e durmir, para agardar polo día seguinte.

Xa de volta na facultade, Ciencias no meu caso, comezamos a programar un ordenador. Tocounos unha Raspberry pi. Con este pequeno trebello fixemos marabillas, coma un tradutor de código morse, un detector de proximidade e ata simulamos unha bomba, malia que non nos deixasen poñer pólvora para dotala de realidade.

Entre risos, obradoiros, animais, química e xogos, case sempre de cartas e maxia, a semana foi tocando á súa fin. Ata que, logo de presentar os nosos proxectos, chegou a despedida: un completo caos de choros, apertas, risas... un pouco de todo.


Á fin e ao cabo non foi unha mala experiencia, coñecín xente marabillosa, coa que aínda falo, escribo e, ás veces, vexo.

Aquí tedes un vídeo sobre o noso proxecto:


Aquí, un sobre o campus:
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario