16 de abril de 2018

Con B de Ciencia (3) : Sobre células nai.

Ándanos roldando por aí algunha actividade sobre as células nai, ou células estaminais, ou stem cells...
 
Así é que vos propoñemos dúas BD que fan unha excelente introdución sobre o tema. Ambas nolas ofrece gratuitamente a Euro Stem Cell.
 

A primeira, Uma aventura estaminal, ofrécenos unha información esencial en trinta e poucas páxinas. É obra de Joao Ramalho Santos e de André Caetano. Podedes descargar o orixinal, en portugués, ou a tradución ao inglés.


A segunda, A esperanza máis alá das expectativas, máis breve aínda, queda ben definida no seu subtítulo: A historia da celulas nai desde a súa descuberta ata a terapia, pois incide na súa aplicación na medicina, sen ocultar a polémica que pode xerar a súa aplicación. Podémola descargar en portugués ou en varios idiomas máis, pero non en galego nin en castelán.

Tanto unha como outro exemplifican un bo aproveitamento dos recursos da BD para a divulgación científica.

4 de abril de 2018

O libro de divulgación científica máis antigo da historia

Xa tardabamos demasiado en agradecer o enorme traballo que a Asociación de tradutores galegos fai pola nosa lingua. Tamén é certo que, dentro do catálogo de obras que poñen á nosa disposición, non abundan as lecturas de ciencia (nada diferente do que sucede no noso mundo editorial).


Para os afeccionados á ciencia, nada mellor que o Arenarius de Arquímedes, en tradución de José Nicanor Alonso Álvarez e Miguel Ángel Mirás Calvo, como presentación de  BIVIR.

O "Arenarius", de Arquímedes, trátase probablemente do libro de divulgación científica máis antigo da historia. Nel, Arquímedes explícalle ao rei Gelón II, tirano de Siracusa, como, contrariamente ao que a xente pensa, o número de grans de area que se precisan para encher o Universo, é finito. Para iso debe, tras estimar o tamaño do Universo, establecer un método que permita expresar números grandes (o sistema de numeración grego non permitía expresar números superiores a cen millóns). Este texto conta tamén cun gran valor histórico, xa que nos informa dos sorprendentes coñecementos astronómicos da época (comprobamos que non só consideraban que a Terra era esférica, e non plana, senón que chegaron a calcular o seu perímetro con grande exactitude, séculos antes de que Colón pensara en chegar ás Indias circunvalando o globo). Ademais, temos a primeira noticia na historia dun modelo heliocéntrico, anticipándose máis de mil anos a Copérnico. [Presentación do libro en Bivir, Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego ]